Un dos mellores trucos de seguridade viaria que hai é conducir coma se levases á túa nai de copiloto. E como non é posible poñelo en práctica en todos os desprazamentos, desenvolveuse unha tecnoloxía que coida de nós: o ESP.
Viría sendo o equivalente para ter á túa nai sentada á beira: cando entra en acción é porque fixemos algo mal.
O control de estabilidade é un elemento de seguridade activa que frea as rodas cando se alcanza un límite de adherencia crítico e axusta a potencia do motor. Así evítanse derrapaxes.
Este sistema intervén en fraccións de segundo, comprobando que o movemento do volante se corresponda coa dirección real na que se dirixe o coche. O control de estabilidade centraliza os sistemas EBD, ABS e de control de tracción.
Como funciona o ESP?
O control de estabilidade está composto por un conxunto de sensores:
Sensor de ángulo de volante: o modo no que o ESP sabe onde queremos ir é grazas á posición do volante. Este sensor non só recolle canto se virou, senón como de rápido se fixo.
Sensor de posición do acelerador: indican ao control de estabilidade se o coche está a tomar ben unha curva.
Sensores de velocidade de xiro: estes son comúns ao ABS, e informan sobre posibles bloqueos. Sitúanse encima dos pneumáticos.
Unidade de control: compara os datos que recibe dos sensores coas cifras “ideais”. Se difiren ponse en marcha.
Cando o ESP se active notarémolo porque emite un ruído metálico e unha vibración, debido a que libera o freo para manter a traxectoria do coche. Ademais, acéndese a luz laranxa do cadro.
A inclusión por lei destes dispositivos desde 2014 supuxo unha notable mellora da seguridade viaria en Europa. Moitos estudos mostran que o ESP reduciu nun 50% os accidentes graves. A UE estima que pode evitar que 2.500 persoas morran ao ano en chan europeo en accidentes de tráfico.
Pode que non che diga que mentres vivas baixo o seu teito acatarás as súas normas, nin che lembre que te abrigues, pero é o mellor substituto da túa nai na estrada e pode que saber que é o ESP dun coche che sirva para terlle un pouco máis de agarimo.